IV Edición Bolsas de Prácticas Xerenciais en Cooperativas Galegas 2011-2012
Bolsas de iniciación profesional e fomento do emprego
Convocatoria dirixida a persoas que se candidaten como bolseiras 2011-2012
A Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA, a Consellería de Traballo e Benestar da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, as asociacións de cooperativas Sinerxia, Ugacomar e UCETAG, e a Fundación Novacaixagalicia, colaboran unha nova edición de prácticas xerenciais en cooperativas.
OBXECTO E CONTEXTUALIZACIÓN
UGACOTA, como entidade representativa do cooperativismo de traballo asociado, ten como un dos seus obxectivos mellorala xestión e funcionamento das cooperativas de traballo. Coñecida a situación existente, dun baixo nivel de xerencias profesionais nas cooperativas, dálle continuidade aos proxectos de apoio ao labor xerencial en cooperativas, convocando unha nova edición do programa de bolsas de función xerencial.
Para por en marcha esta liña de traballo asínanse sendos convenios de colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar e coa Fundación Novacaixagalicia. No marco dos convenios, o obxecto desta convocatoria é seleccionar a 5 persoas bolseiras, menores de 35 anos, desempregadas, recén tituladas e formadas na área empresarial, para incorporarse nalgunha das 5 cooperativas beneficiarias, na que facer prácticas e un proxecto de apoio e mellora xerencial na cooperativa, durante 9 meses, a razón de 25 horas semanais (a bolsa exixe ter disponibilidade, non soe ser compatible con outros traballos, porque require dunha adicación continua e presencial).
A finalidade do programa é dobre, mellorar as condicións nas que as cooperativas abordan a función xerencial, e tamén fomentar o emprego mellorando a capacitación de mozos-as mediante un proceso de iniciación profesional nas cooperativas.
CONDICIÓNS DAS BOLSAS
1 .- Selección das persoas bolseiras
Ábrese un proceso de selección de 5 persoas bolseiras, do que se encarga Ugacota, para seren asignadas a cada unha das 5 cooperativas beneficiarias do proxecto. Para elo se realizan 3 pasos :
1º Faise unha preselección en función do curriculum e un formulario
(as 20 persoas mellor valoradas, das ofertas recibidas a través de infojobs.net *)
As persoas candidatas se inscriben a través de www.infojobs.net, accedendo coa palabra clave: Fundación Novacaixagalicia , e posteriormente coas palabras : Becas de Gerencia en Cooperativas, do 1 de xuño ao 10 de xuño de 2011.
2º Realízase un curso de cooperativismo de 45 horas – 9 sesións, en Vigo, coas persoas preseleccionadas do 15 de xuño ao 27 de xuño de 2011
(estar no proceso de selección implica participar neste curso, é unha condición imprescindible)
3º Selección final das 5 persoas bolseiras
(nesta fase tamén cabe a posibilidade de que as cooperativas queiran realizar algunha entrevista ás candidatas)
(*) O indicado no formulario de inscrición á oferta debe axustarse ao indicado no currículum introducido en Infojobs. O currículum debe avalar certas respostas do formulario, e debe cumprir os requisitos e condicións mencionadas nesta convocatoria, senón é así, a súa puntuación pode ser minorada ou inclusive pode excluírse a candidatura, ao non poder contrastar ou xustificar as respostas dadas no formulario e os requisitos da convocatoria. A súa vez o currículum ten que poder acreditarse.
2.- Datas de posta en marcha da bolsa
O proceso de selección de persoas bolseiras será realizado de maio a xuño . A estadía da persoa bolseira na cooperativa iniciarase na 1º quincena de xullo de 2011.
3 .- Ubicación xeográfica das 5 cooperativas beneficiarias
2 en Santiago de Compostela (A Coruña)
1 en O Porriño (Pontevedra)
1 en Ourense
1 en Boiro (A Coruña)
A cada bolseira lle será asignada unha cooperativa en algunha das ubicacións citadas, en base á localidade á que opta e que indican no formulario inicial de inscrición.
4.- Programa formativo
As bolsas son un programa formativo (teórico e práctico), e as persoas bolseiras seguirán un Plan de Traballo establecido, de xerencia en cooperativas, tratándose ao fin de elaborar un proxecto de Plan de Mellora para a cooperativa.
A formación está adaptada ás particularidades do modelo empresarial cooperativo, que forma parte do sector da Economía Social, e se basa en principios e valores propios, como a participación, a xestión democracia, a relación coa comunidade, a propiedade conxunta, a cooperación entre cooperativas, a autonomía, a axuda mutua, a responsabilidade compartida, a equidade …
O proceso de traballo será facer unha diagnose interna da cooperativa, facendo un percorrido polas diferentes áreas :
a) Organizativa e Lexislativa
b) Comercial e Marketing
c) Económico – Financeira
d) Planificación Estratéxica – Plan de Mellora
E para elo contan cunha titoría permanente de Ugacota que se encarga de realizar o seguimento e o acompañamento dos traballos prácticos que fai na cooperativa como: acadar información relevante dos distintos ámbitos da cooperativa, analizar as diferentes áreas, aprender a interpretar a información , ordenala información, propor, comunicar e guiar con eficacia para conquerir obxetivos, planificar para lograr as metas, aplicar accións de mellora, realizar o seguimento das medidas tomadas na cooperativa, etc.
Tratarase de que as persoas bolseiras adquiran unha visión estratéxica para aplicala na cooperativa; potenciar capacidades e habilidades claves para anticiparse ás consecuencias da xestión.
Non só se trataría de xestionar mellor ou máis, senón pensar estratexicamente en novas accións que se terán que realizar, e cales deberán deixar de facerse…
Os traballos, en cada cooperativa beneficiaria dunha bolsa, terán un certo grao de adaptabilidade, en base ás súas necesidades e demandas específicas na área xerencial da cooperativa.
5 .- Lugares no que se desenvolve a bolsa
Como as persoas bolseiras seguirán un programa formativo teórico-práctico, dinamizado por un titor da Unión, o lugar de celebración dos traballos de apoio xerencial serán :
Por un lado, nas instalacións da propia cooperativa que se lle asigne
Por outro lado, nos lugares onde se desenvolva tanto o curso previo de cooperativismo, como as 8 sesións de titoría ao longo da bolsa, nas que deben participar
(En salas ou aulas de Novacaixagalicia e de UGACOTA en Vigo ou Pontevedra, ou outras localidades que se acorde en común, en función das diferentes orixes xeográficas da xente participante)
A meirande parte da bolsa desenvólvese nas instalacións da cooperativa.
6 .- Duración e dedicación semanal da bolsa na cooperativa
A adicación semanal da persoa bolseira será de 25 h. e se desenvolverá ao longo de 9 meses.
7.- Axuda económica
Cada bolseira recibirá unha axuda económica equivalente a 500 € brutos mensuais, en concepto de axuda aos gastos de desprazamento e manutención coa correspondente dedución en concepto de IRPF
8.- Solicitantes e perfís
Persoas menores de 35 anos, desempregadas, diplomados-as e licenciados-as en titulacións relacionadas coa xestión empresarial (Económicas, Empresariais, Relacións Laborais, …), ou estudantes do último curso, tamén titulados-as en Ciclos Superiores de formación profesional ou estudantes do último curso en especialidades relacionadas coa xestión empresarial.
Para a selección de bolseiros/as será valorada a traxectoria de estudos, coñecementos técnicos (análise económica e financeira, xestión fiscal, laboral ou contable, estratexia empresarial…), a formación e coñecementos en cooperativismo, as experiencias laborais, experiencias de carácter asociativo ou comunitario, de voluntariado… Tamén as actitudes e aptitudes para desenvolver labouras xerenciais – capacidades e habilidades neste senso-, como aspectos de iniciativa, resolución de conflitos, motivación, traballo en equipo e habilidades sociais, tamén os coñecementos de ferramentas e instrumentos de xestión, así como as que se poidan determinar las cooperativas para cada proyecto concreto.
A selección final dos beneficiarios-as será validada por unha Comisión Mixta na que participarán o equipo titorial e docente das bolsas, representantes de cada cooperativa beneficiaria, representantes de Ugacota, e da Fundación Novacaixagalicia.
9 .- Solicitudes
As persoas interesadas en candidatarse como bolseiras deberán inscribirse en www.infojobs.net. Accedendo á oferta do seguinto xeito: Fundación Novacaixagalicia- Becas de Gerencia en Cooperativas, do 1 de xuño ao 10 de xuño de 2011
A inscrición deberá indicar, entre outros datos, a ubicación xeográfica á que opta, e indicar si se compromete a realizar o curso previo.
Ademais lembramos que o indicado no formulario de inscrición debe axustarse ao indicado no currículum introducido en Infojobs.
O currículum debe avalar certas respostas do formulario, e debe cumprir os requisitos e condicións desta convocatoria, senón é así, a súa puntuación pode ser minorada ou inclusive pode excluírse a candidatura, ao non poder contrastar ou xustificar as respostas dadas no formulario, e os requisitos da convocatoria.
A súa vez o currículum ten que poder acreditarse.
Teléfonos de consulta e información: Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Ugacota 986 13 65 92 / Fundación Novacaixagalicia 986 12 00 72
10 .- Aceptación das bases
A presentación da solicitude implica a conformidade e aceptación das bases da convocatoria por parte da persoa solicitante.
As entidades convocantes resérvanse a posibilidade de modificar as datas, se fora o caso, por motivos e causas de interese para o desenvolvemento do proceso e o programa.
Visto 39020 veces


